Os líderes da UE debaten o plan anticrise, sen previsións de acordo
Os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea manteñen este venres un primeiro intercambio de opinións sobre o plan de recuperación económica e o orzamento a longo prazo do bloque nunha reunión telemática da que aínda non se espera un acordo. Isto débese ás marcadas diferenzas entre as capitais. É por iso que a sesión deste venres é de "quecemento", tal e como a definen fontes diplomáticas, e é unha preparación para unha reunión posterior en xullo.
Na carta de invitación enviada aos líderes, o presidente do Consello europeo, asume que o pacto deste venres é imposible.
"Aínda hai camiño que percorrer cara ao pacto, polo que necesitamos traballar duro durante os próximos días e semanas", subliña o ex-primeiro ministro belga.
A proposta da Comisión Europea expón un marco financeiro plurianual para os próximos sete anos de 1,1 billóns de euros e un fondo de recuperación denomiado Next Generation EU, de 750.000 millóns de euros.
Os Países Baixos, Suecia, Austria ou Dinamarca e en parte, Finlandia, representan o bloque máis crítico. Aínda que aceptan que Bruxelas emita débeda, pensan que o fondo pode ser menor ca o que se propón e defenden que se transfira aos países a través de préstamos a devolver, e non con subvencións non reembolsables.
España ve con bos ollos a formulación de Bruxelas, pero tamén considera que os 750.000 millóns están na banda baixa do que debería inxectarse na economía. Madrid, xunto con París, Berlín, Roma e outras capitais, reivindica as transferencias directas fronte aos préstamos.
Ante esta situación, os xefes de Estado e de Goberno terán que reunirse polo menos unha vez máis para resolver as cuestións pendentes.