CRTVG

Buscar

Os líderes da UE debaten este venres o plan de recuperación

Publicado o 18/06/2020 20:19
Os líderes da UE debaten este venres o plan de recuperación

Os líderes da Unión Europea manterán este venres un primeiro debate sobre o plan de recuperación económica tras a pandemia nunha videoconferencia en que, con todo, non se espera un acordo. Sobre a mesa atópase a proposta que a Comisión Europea presentou en maio, baseada nun orzamento comunitario para o período 2021-2027 que estaría dotado con 1,1 billóns de euros.

Co apoio deste orzamento, a Comisión emitiría débeda nos mercados para financiar un fondo de recuperación. Este fondo tería 750.000 millóns de euros que se distribuirían á súa vez aos Estados a través dos programas do orzamento ata 2024, dos que 500.000 millóns se canalizarían en forma de subvencións a fondo perdido e 250.000 millóns en forma de préstamos.

"Creo que todos somos conscientes da complexidade das propostas e do tempo necesario para abordalas. A nosa reunión do venres debería ser un paso crucial cara a un acordo nun posterior encontro físico", escribiu o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, na carta en que convida os mandatarios á cita.

O obxectivo é pechar o pacto en xullo para que despois a Eurocámara dea o seu visto e prace e conclúan os procesos de ratificación nacionais este mesmo ano. Os Estados membros están de acordo en que se necesita un plan de recuperación tras a pandemia, pero existen diferenzas sobre varios detalles, como a proporción de préstamos e subvencións ou os criterios para repartir o diñeiro.

Ademais, non hai unanimidade sobre o tamaño e a duración do plan, nin sobre a condicionalidade e a aplicación de reformas a cambio dos fondos. En canto ao orzamento plurianual, hai distintas perspectivas entre os Gobernos sobre o seu volume, contido e financiamento, incluídos os recursos propios e os descontos que teñen países como Holanda, Dinamarca ou Suecia na súa contribución ás contas por achegar moito máis do que reciben.

Os catro partidarios da austeridade son os máis críticos co fondo de recuperación da Comisión. Nunha carta conxunta publicada o martes no diario británico 'Financial Times', os xefes de Goberno deses estados apoiaban a creación dun fondo limitado no tempo, ata finais de 2022, e destinado a apoiar os países máis afectados pola pandemia. Con todo, pedían que se basease en préstamos que han de ser devoltos, xa que "non hai diñeiro novo, fresco", e toda a axuda deberá ser custeada polos contribuíntes.

Os criterios para repartir o fondo de recuperación preocupan outros estados membros, que se opoñen a que o nivel de desemprego entre 2015 e 2019 sexa determinante á hora de recibir o diñeiro. Así, o Grupo de Visegrado -Hungría, Polonia, Chequia e Eslovaquia- aposta por que se dea máis peso á caída do PIB que ao nivel de paro nos últimos anos ao asignar a dotación por país, para que eses catro estados non queden en desvantaxe.

"Debemos evitar unha situación en que un país con máis ou menos a mesma poboación e máis ou menos o mesmo PIB 'per capita' situado no sur de Europa se beneficie do programa moito máis que un país de Europa central", asegurou o primeiro ministro eslovaco, Igor Matovic, tras unha reunión cos seus homólogos de Visegrado a semana pasada.

Francia, España, Italia, Portugal e en xeral os países do sur son os máis conformes coa proposta de Bruxelas, que recolle as súas demandas de emitir débeda común e dar prioridade ás subvencións para evitar que a súa débeda pública se dispare ao tomar préstamos. Alemaña tamén está satisfeita coa proposta, segundo varias fontes europeas. 

Noticias web

18/06/2020