CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Os libreiros aproveitaron o festivo para sair á rúa na busca de lectores en galego

Publicado o 17/05/2018 20:48
A celebración do Día das Letras chegou a todos os recunchos de Galicia grazas ás ducias de actos que se desenvolveron en distintas cidades e vilas. Foi unha xornada festiva para moitos, pero non para os libreiros, que aproveitaron para sair á rúa na busca de lectores en galego.

O tempo acompañou e o Día das Letras Galegas encontrou en rúas e prazas o mellor lugar para celebrar a xornada. En Pontevedra, onde María Victoria Moreno pasou a maior parte da súa vida, os libreiros tomaron a praza da Ferrería con centos de titulos. Entre os máis repetidos e demandados estaban os da autora homenaxeada.

En Tui os libreiros tamén aproveitaron para promocionar as letras e os escritores da localidade.

Na Coruña os veciños foron os protagonistas do día coa lectura, na Praza de María Pita, das obras da escritora. Santiago tamén se sumou ás celebracións. Na cidade da Cultura fíxose unha escolma dos contos e narracións de María Victoria Moreno e nas rúas da cidade puidemos atopar libros en moitos recunchos. A música foi a protagonista do Día das Letras en Ourense, onde un concerto animou as rúas da cidade na honra da escritora.

Telexornal Serán

17/05/2018