CRTVG

Buscar

Os ladróns volven actuar en Lugo contra un establecemento hosteleiro

Publicado o 14/01/2020 13:54

Esta mañá os cristaleiros repoñían o cristal da ventá grande desta pizzería que os ladróns rebentaron para coarse no seu interior. É a única ventá que non está protexida por unha persiana metálica.

Unha vez dentro, con total tranquilidade e falando entre eles, eran dous, dirixíronse á TPV do negocio. O seu obxectivo era arrincar o caixón electrónico onde se garda a recadación e tras 20 minutos no interior do establecemento conseguiron o botín.

Así o contaba Ana Laura Caballero, dona do establecemento: "O caixón non estaba a vista, estaba xusto detrais da barra, pero viase o caixón monedero que está conectado ao caixón intelixente, que é o último do mercado. Foron directo por el. Vense uns 20 ou 25 minutos a golpes ata que o sacaron".

A policía investiga por que non saltou a alarma. Todo apunta a que empregaron algún tipo de inhibidor que lles permitiu actuar con total impunidade. Pero todo o seu periplo quedou rexistrado nas imaxes das cámaras de seguridade que xa revisa a policía.

"Un deles vese claramente nas imaxes. O cálculo total que facemos do que levaron, entre o propio caixón e a recadación, son uns 19.000 euros", engadiu Ana Laura Caballero.

Un novo caso que se suma aos numerosos roubos que se veñen rexistrando nas últimas semanas na cidade. O ano pasado denunciáronse 35 asaltos en negocios hostaleiros e a maioría concentrouse no mes de decembro. A situación preocupa o sector, que xa reclamou ante a Subdelegación do Goberno máis vixilancia policial.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2020