Os investigadores observan o mesmo patrón no intento de rapto de Boiro e no caso de Diana Quer
Inmóbil, coa cabeza apoiada nunha man, Xosé Enrique Abuín Gey escoitou os peritos nesta segunda sesión dun xuízo en que se enfronta a quince anos e dez meses de prisión.
Empezaron dous axentes que interviñeron no caso e que xa investigaban o Chicle pola desaparición de Diana Quer: "Respecto a Tania e Diana, observamos que é exactamente o mesmo patrón: José Enrique agarda a súa vítima, que é unha moza que camiña soa por un lugar despoboado, de maneira que non pode ser auxiliada por ningunha persoa, van ensimismadas mentres wasapean polo móbil".
En repetidas ocasións os axentes foron interrompidos polo xuíz, que lles lembrou que o caso de Diana Quer aínda non está xulgado.
"Voume limitar aos feitos relativos a este proceso, non a un modus operandi sobre algo que non está determinado xudicialmente", di o xuíz.
Outro dos momentos centrais da mañá foi a avalación psicolóxica da vítima. Neste senso, declararon unha forense do Imelga e os dous psicólogos que a tratan actualmente. Todos coincidiron en que sofre estrés postraumático e que tardará en recuperarse.
"Hai momentos en que parece que mellora, pero certas cousas como a proximidade do aniversario fai que reviva síntomas. É frecuente que a evolución deste tipo de probelmas sexa así. Con ela aínda nos quedan moitos obxectivos terapéuticos que seguir traballando".
Por videoconferencia, declarou a encargada das análises de ADN. Confirmou que no maleteiro do Alfa Romeo do Chicle había pelos da vítima: "Obtívose o perfil xenético da vítima e coincide co da muller denominada muller 2, do anterior informe, obtivo dos pelos atopados no maleteiro do vehículo".
Á media mañá quedaba concluída toda a proba. Defensa e fiscalía elevaron a definitivas as súas conclusións, mentres que o avogado do Sergas pedía unha maior contía polos gastos ocasionados, xa que a vítima continúa a tratamento.