CRTVG

Buscar

Os investigadores repasan a reconstrución dos feitos e conclúen que o Chicle mente

Publicado o 22/11/2019 11:55

É un dos momentos da reconstrución do crime, segundo a versión dos feitos que José Enrique Abuín lles contou aos axentes. Asegura que a noite do asasinato estaba roubando gasóleo dos camións dos feirantes na rúa Venecia, cando apareceu Diana. Ao verse descuberto- asegura- agarrouna polo pescozo e matouna case sen querer.

Despois, sempre segundo a versión de Abuín, meteu o corpo na parte traseira do vehículo, para dirixirse á nave de Asados, a uns 24 quilómetros da Pobra.

Xa no interior, o Chicle detalla como levantou a arqueta do pozo onde posteriormente depositou o cadáver de Diana, e tamén o seu bolso. Así mesmo reproduce como lastrou o corpo da súa vítima.

Os axentes que durante case 500 días lle seguiron os pasos a Jose Enrique Abuín, están convencidos de que mente. Cren que Diana nunca estivo na rúa Venecia, onde di que a abordou.

Dous axentes da Policía Xudicial da Coruña que testifican na novena sesión da vista oral polo crime de Diana Quer dixeron que atoparían o corpo da moza aínda que o único procesado, José Enrique Abuín Gey, non os guiase ata el, porque o Chicle "cometeu un erro".

A nave da antiga fábrica de gasosas de Asados, en Rianxo (A Coruña), ía ser investigada, "é un dato obxectivo", e polo tanto "o corpo ía localizarse sen dúbida", pois o procesado cometeu un "erro grave" antes do intento de rapto a unha muller de Boiro que precipitou a súa detención polo caso Quer, que estaba prevista para mediados de xaneiro polos indicios que xa apuntaban cara a el.

En todo caso, tras este arresto que se materializou antes do previsto, o Chicle conduciu os investigadores cara ao silo cilíndrico ao que lanzou a madrileña de 18 anos e ao que os axentes insisten en que chegarían fose como fose.

Porque ese "erro" do Chicle ao que aludiron é o de dicirlle ao seu amigo Manuel Somoza, que acudiu a este xuízo en calidade de testemuña, que quería ensinarlle esa nave.

Así, os policías contaron ao xurado que cando na investigación "a Manuel Somoza lle preguntamos se dentro das zonas de interese estivera nalgún sitio con Abuín, díxonos a nave, como o xa declarou aquí".

Por iso, estes efectivos consideraron que Abuín Gey cometeu un "erro grave" ao ensinarlle a unha persoa próxima o lugar no que depositou a Diana Quer.

"E como tiñamos identificado a esa testemuña, tomaríaselle declaración e diríanos iso", aseguraron.

Estes funcionarios tacharon, así mesmo, de "imposible", a raíz da dilixencia de reconstrución feita co propio procesado José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, que a vítima mortal o sorprendese roubando gasóleo porque "había un camión polo medio".

Tamén puxeron en dúbida en sala o proceder co que o Chicle di que a afogou de maneira accidental, por ser un "movemento moi artificial", unha postura "moi forzada".

Axentes cren "imposible" baixar cun peso polas escaleiras que van ao pozo

Dous novos axentes que prestaron o seu testemuño na novena sesión da vista oral polo crime de Diana Quer sinalaron que é "practicamente imposible" baixar polas escaleiras da nave de Asados que conducen ao soto do pozo no que permaneceu 496 días a moza madrileña.

"Baixar por esa escaleira sen luz é practicamente imposible", contou un deles ao referirse aos vinte banzos, e a sala puido visionar a gravación que mostra esa escasa luminosidade e que deixa no aire a posibilidade de que Diana chegase alí viva e que o Chicle a empuxase, en lugar de levala en brazos como dixo.

Os policías contaron que é como un "cuarto ás escuras" e un deles incidiu en que o lugar resulta "arrepiante", polo olfacto, debido á humidade e o cheiro a espazo pechado; o silencio e, con luz artificial, por "imaxes arrepiantes" tales como unha pintada de cruces investidas coa mensaxe "Deus ódiate".

Tamén precisou que dá igual o coñecemento que alguén teña desa antiga fábrica de gasosas, porque o de Abuín Gey é preciso xa que como el mesmo recoñeceu no xuízo roubaba mobles alí. "Ou es un gato ou non se ve alí dentro" para baixar esas escaleiras, resolveu.

Os axentes atoparon unha brida no vehículo do Chicle 

Os axentes que se ocuparon da inspección ocular do vehículo do único procesado polo crime de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, contaron que localizaron unha brida na  guanteira.

Este era un dato descoñecido ata o momento e nese exame atoparon ademais un rolo de cinta, así como unha saba no maleteiro, que foi limpado. Na nave de Asados, en cuxo pozo permaneceu a moza madrileña de 18 anos un total de 496 días, acháronse igualmente bridas e cintas.

O equipo forense que realizou a autopsia de Diana Quer, coordinado por Fernando Serrulla, e o grupo encargado de revisar ese traballo a pedimento da familia da vítima, liderado polo experto José Blanco Pampín, coincidiron onte en que Abuín matou a moza cunha brida e non coas súas mans, como el sostén, e tampouco de maneira accidental.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí