CRTVG

Buscar

Os investigadores cren que prepararon a escena onde apareceu o corpo de Déborah

Publicado o 09/12/2019 12:23

O culpable da morte de Déborah compuxo unha escena teatral, como describiu a policía, para a presentación do cadáver. Espiuna, lavouna e conduciu co seu corpo ata unha cuneta a 40 quilómetros de Vigo. Colocou o corpo coidadosamente, sen arrastres, entre matogueiras, deitada de lado, coas pernas e os brazos flexionados; con follas de acacia tapándolle a pube e os peitos. Antes preocupouse por conservar a súa vítima nun lugar frío, seco e sen aire durante sete ou oito días para que tardase en corromperse, e introduciu seme, presuntamente alleo, de forma artificial na súa vaxina.

Atoparon o corpo de Déborah dez días despois da súa desaparición. Foi unha veciña do Rosal nesta estrada que une Baiona e A Guarda, na localidade de Portocelo. Na única zona escura onde non había farois. Abandonárono dous ou tres días antes e e a moza non presentaba lesións externas. Tampouco sinais de agresión sexual. A conclusión foi que morrera afogada cun obxecto brando. Xunto ao cadáver da moza había un preservativo usado, coa súa correspondente funda, un pano de papel e un cordón, que podía ser o do seu chándal desaparecido. O seme, no corpo, fora colocado despois de morta.

"Unha persoa que agocha o corpo dez días e que tarda dez días en desfacerse del, indica que ten algo que ocultar. Entón nós o que queremos e que se saiba a realidade, que se descubra, que se traballe e que nun caso no que pasou tanto tempo o mínimo que pedimos é xustiza", afirma Rosa, irmá de Déborah.

O caso pasou durante oito anos polas mans de equipos policiais e xuíces, e desde 2010 permaneceu arquivado ao non haber probas sólidas contra o único sospeitoso, que nunca chegou a estar investigado. Esa persoa deixouse ver en lugares afastados da zona da desaparición e o seu ADN non coincidía co do esperma achado. Unha nova pista volve agora abrir o caso.

"Cando chegou esta información non nos sorprendeu. Eu creo que pode pechar o círculo das pescudas anteriores", di Rosa Fernández.

Non se puido confirmar se había un motivo sexual, sentimental, ou de calquera outro tipo para a morte desta moza de 22 anos que saíu a correr por Samil e nunca máis volveu á casa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/12/2019