CRTVG

Buscar

Os internistas alertan do risco que corren os pacientes con insuficiencia cardíaca fronte á covid-19

Publicado o 27/10/2020 15:49

Os médicos internistas alertan do forte risco que corren as persoas con insuficiencia cardíaca fronte á covid-19. O seu organismo non logra compensar os danos da infección, e a taxa de mortalidade é moi alta.

O corazón das persoas que a sofren non é quen de levar suficiente sangue ao organismo provocando fatiga, retención de líquidos e moita fraxilidade ante infeccións como a da covid-19.

José Manuel Cerqueiro, responsable da Unidade de Insuficiencia Cardíaca do HULA, explica que "neste tipo de doentes, a infección por covid-19, cando afecta as vías respiratorias, compromete moito a función respiratoria nuns pacientes que xa están comprometidos de base. Evidentemente, é unha complicación moi grave".

O 2% dos galegos padecen esta doenza crónica, adoitan ser persoas anciás e son hospitalizados con frecuencia. A pandemia fainos aínda máis vulnerables, polo que é fundamental que nin eles nin os que os rodean corran riscos.

"Os familiares que os rodean teñen que evitar o contacto co coronavirus e, ante un contaxio, deben illarse completamente destes enfermos. As persoas con insuficiencia cardíaca non poden coller a covid-19", conta José Manuel Cerqueiro.

E se finalmente o virus colle estes pacientes, mellor que os colla compensados; é dicir, tomando a medicación que regula a súa insuficiencia e seguindo a dieta sen sal que os médicos lles prescriben.

Noticias web

27/10/2020