CRTVG

Buscar

Os indíxenas inician a marcha de protesta en Quito contra o Goberno de Lenín Moreno

Publicado o 09/10/2019 20:02

Miles de indíxenas iniciaron este mércores unha marcha cara o centro histórico da capital ecuatoriana, Quito, en protesta pola elevación do prezo dos combustibles, no marco dun acordo crediticio co Fondo Monetario Internacional (FMI).

Representantes dos sindicatos e outros movementos sociais, que tamén teñen previsto marchar hoxe en Quito, cortaron a primeiras horas da mañá un tramo da avenida 10 de agosto, unha das vías que leva ao centro histórico de Quito e escenario a semana pasada de violentas manifestacións.

Ao berro de "o pobo unido, xamais será vencido", os manifestantes marchan portando paus, bandeiras tricolor do Ecuador e tamén a multicolor dos pobos ancestrais. Na manifestación lense carteis de rexeitamento á corrupción, a Moreno, ao FMI, aos EUA, e outras na que aseguran que "violento non é o pobo que loita senón o Estado que reprime".

O Ecuador está baixo estado de excepción desde o pasado xoves cando se deu a primeira de dúas xornadas de paralización absoluta de transporte público, no medio da cal ocorreron desmáns e saqueos. No centro histórico, ata onde se dirixen tamén os manifestantes dos sindicatos, estudantes universitarios e outros movementos sociais, a Policía comisou mochilas con gasolina que se presumen poderían servir para facer cocteles molotov. Nunha das principais avenidas da cidade de Guayaquil (suroeste) rexistráronse enfrontamentos entre a policía e os manifestantes.

Noticias web

09/10/2019