CRTVG

Buscar

Os incombustibles: Padín e Juanito

Publicado o 29/04/2017 18:54

Juanito e Padín son dous dos principais referentes do fútbol galego dos últimos 25 anos. Ambos principiaron no fútbol rexional e pasaron por todas as categorías ata debutaren en primeira.
E agora, na recta final das súas carreiras, tanto un coma outro, volveron ás súas orixes como auténticas lendas.


Ningún deles esquece os seus inicios. Juanito deuse a coñecer no Compostela co que ascendeu á segunda B en 1990. Nesa mesma categoría se destapou Padín co Arousa, equipo ao que chegou procedente do Catoira en 1993.

Os dous ficharon polo Deportivo co que debutaron en primeira en diferentes temporadas. 
Juanito contra a Real Sociedade en febreiro 93, e cinco anos despois Padín en Valladolid.

Ambos viviron tamén os seus momentos de gloria vinculados aos ascensos. Aínda que a Juanito sempre vai ser lembrado polo gol co que o Betis eliminou o Barcelona da copa do 94.

Outro aspecto que os une é a súa paixón polo fútbol. So así se entende que despois dunha carreira brillante, ambos queiran seguir xogando. Técnicos e compañeiros gaban as súas achegas tanto no campo coma no vestiario.

E malia a súa idade, os dous apostan por continuar. No caso de Padín ata coincidir co seu fillo. A súa experiencia é un exemplo para os máis novos aos que non deixan de aconsellar.

Mentres chega o momento da retirada, Juanito e Padín seguen a gozar do fútbol como cando eran nenos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/04/2017