CRTVG

Buscar

Os incendios non dan tregua na provincia de Ourense

Publicado o 15/09/2020 08:49

Os helicópteros intentan deter o lume, que avanza polos montes de Cualedro. Nas últimas horas, as lapas ameazan distintos puntos do municipio.

Un dos focos máis complicados é o rexistrado no lugar de Lamas. Veciños e equipos de extinción suman esforzos na loita contra o lume, que chegou a ameazar vivendas e granxas

As lapas mesmo obrigaron a cortar estradas. Entre elas a A-52 en sentido a Madrid. Tamén en Moimenta, onde os veciños se viron sorprendidos polo lume cando intentaban pasar.

O lume devastou tamén parte da aldea de Carzoá. As lapas arrasaron catro casas, dúas delas habitadas.

Desde o domingo arderon en Cualedro máis de 1300 hectáreas. Pero o lume, axudado polo vento das últimas horas, ameaza outros puntos da provincia. O monte de Lobios seguía ardendo sen control durante a madrugada ao tempo que se rexistraban dous focos simultáneos no concello de Muíños. As lapas arrasaron polo menos 2.000 ha do Parque Natural do Xurés.

Os efectivos lograron salvar tamén varias casas en Rairiz de Veiga. Ademais de na Mezquita e en Manzaneda, hai incendios activos en Vilar de Barrio, Vilardevós, Chandrexa de Queixa e Laza.

Noticias web

15/09/2020