Os hoteis de Pontevedra rozan o cheo cando falta un mes para o Mundial Multideporte
Parece ser que os establecementos hoteleiros da cidade van facer o seu agosto en abril, porque ademais de que coincide cunha ponte, este Mundial Multideporte vai ser o maior evento deportivo que nunca antes acollera a cidade de Pontevedra.
As previsións falan de máis de 4.000 deportistas de elite, procedentes dos cinco continentes, os que se van dar cita aquí, e non veñen sós. As prazas dispoñibles da cidade que son sobre 550, quedan moi escasas polo que o efecto mundial tamén se está a notar nos hoteis da contorna sobre todo en Sanxenxo, Poio, Marín e Bueu.
Este incremento da demanda vai acompañado tamén da suba dos prezos, en algúns casos de ata o 20%.
Neste mundial están en xogo os títulos de dúatlon, ácuatlon, tríatlon cros, aquabike e tríatlon longa distancia, e contará coa presenza dos mellores deportistas en cada disciplina e distancia, o que vai atraer tamén moitos afeccionados que encherán, sen dúbida, os bares e restaurantes. Agora só queda esperar que o tempo tamén acompañe.