Os hoteis de Pontevedra non logran superar o 15 % de ocupación esta Semana Santa
Non tiñan moitas esperanzas e finalmente cumpríronse os peores presaxios para o sector túristico esta Semana Santa. A ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra quedou reducida a entre un dez e un quince por cento.
A media do sector é terrorífica porque cidades como Vigo ou Pontevedra, este festivo, están baleiras.
Reclamos turísticos como Sanxenxo, que deixou sen abrir o 90 por cento dos seus hoteis, ou Baiona e Cangas, sufriron o baixón nas reservas. E cidades como Vigo ou Pontevedra rexistraron moi pouca actividade.
O sector tenta consolarse co comportamento dos restaurantes e das terrazas, así como do turismo rural, este último con cifras do 30 por cento de ocupación. Así e todo, sinalan a mobilidade no futuro como a clave da reactivación dos negocios.
Os hostaleiros galegos xa poñen os seus ollos no verán esperando a que remate canto antes unha Semana Santa que esperan esquecer de inmediato.