CRTVG

Buscar

O custo da luz e das materias primas afoga os hostaleiros, que din que subirán prezos

Publicado o 26/10/2021 14:21

Ir a un bar ou restaurante vai encarecerse máis pronto ca tarde. A suba da luz afecta especialmente a hostalería, que depende de neveiras, conxeladores e todo tipo de aparellos eléctricos no seu día a día. Amais, é todo unha cadea, xa que os provedores tamén están a encarecerlles os produtos, polo que os que non cambiaron aínda a carta de prezos, están a piques de facelo.

O xerente do Polbo Bar, en Vigo, di que non lle quedou mais remedio: "Nós xa estamos deseñando unha carta nova para a campaña de Nadal, porque os prezos do aceite, do sal, todo o do supemercado, a gasolina... Subiunos todo, e tamén a luz disparouse, así que non temos máis remedio que incrementar o prezo dos produtos".

Outra hostaleira, Olivia Ojea, da cafetería Dona dí que de momento non poden subir os prezos: "Nestes momentos temos unha obra alí na Porta do Sol e escasea a clientela, é complicado subir os prezos, pero vista a subida da electricidade e do resto dos provedores, non vai quedar outro remedio que pronto subir os prezos".

A situación actual ten ao límite a hostalería. Antonio é claro: "Antes pagaba case cincocentos euros, pero agora non baixa dos oitocentos ou novecentos, e chega o inverno e o consumo é moito mais grande, volta a poñer as estufas fora na terraza e o butano tamén subiu... todo". E, por se fose pouco, a ameaza dunha grave crise global do abastecemento de materias primas e transporte tampouco invita ao optimismo.

Noticias web

26/10/2021