CRTVG

Buscar

Os hostaleiros están cansos de cargar co peso das restricións

Publicado o 11/01/2021 14:22

Co frío pegando forte, as terrazas, única opción onde poder tomar unha consumición desde esta fin de semana en Compostela e nos concellos de Ames e Teo, non son a mellor alternativa. Os hostaleiros aseguran estar cansos de ser sempre os prexudicados.

"Outra vez máis pagamos os pratos rotos de toda esta historia, ademais dun día para outro, con tres horas de preaviso onde hai mercadoría que hai que tirar e vaia, outra vez o mesmo", di David Dopazo, directivo da Asociación de Hostaleiros de Santiago.

"Un pouco cansos porque, como dicimos sempre, sempre afecta a hostalería, e os autobuses non inflúen, os supermercados non inflúen, aí pode estar cheo que non pasa nada, os comercios igual. É sempre a hostalería, e eu penso que é algo máis que a hostalería", asegura Magdalena.

"Todo cae sobre nosoutros, os centros comerciais cheos, as prazas cheas, a xente rózase...", di Julio López.

Aseguran que estas restricións se vían vir, malia que procuran que nos seus negocios se cumpran os protocolos.

"Temos unha parte de responsabilidade individual, e non todo o mundo cumpre, estamos fartos de dicirllo á xente, e se pasan estes repuntas é por algo", di Abraham Vila Villar.

"É unha pena, pero chegamos a ela porque moita culpa tamén a tivemos nós", asegura unha clienta.

Á espera do que mañá se poida decretar tras a reunión do comité clínico, xa agardan o peor. "Creo que si que van decidir que vai ser o peche para só recollida de comida e supoño que de cafés tamén. E seguiremos así, que lle imos facer", asegura Magdalena.

"A xente xa empeza a pechar os negocios, e se pechan os negocios acábase todo, os negocios, os empregos..", di Julio López.

"Non paga a pena traballar. A nós non non están dicindo ides ir para casa, tedes que pechar, pero esquécense de que os impostos se seguen pagando, de que a xente ten que traballar", asegura Abraham Vila Villar.

Apelan á responsabilidade individual e social para evitar o afundimento do sector.

Noticias web

11/01/2021