CRTVG

Buscar

Os hostaleiros de Sanxenxo valoran poder seguir abertos no nivel máximo de restricións

Publicado o 21/07/2021 15:12

Na hostalería reivindicaban os esforzos que fixeron para ser espazos seguros. "Estámolo facendo ben" di un hostaleiro en Sanxenxo. "Somos os que máis desinfectamos as mesas, os que miramos de que poñas a máscara", engade. "Está claro que na hostalería non temos a culpa" di Nati, que ten un mesón na vila. "Estamos protexéndote a ti para poder traballar, porque aquí traballamos de 15 de xullo a 15 de agosto", afirma.

Pedían seguir abertos, e respiraron con certo alivio ao coñecer as novas restricións. Quedan cun trinta por cento de capacidade dentro, e o cincuenta fóra.

Iso si, para acceder ao interior terán que solicitarlles aos clientes ou certificado de vacinación ou proba negativa. "Paréceme ben, porque a maior parte dos nosos clientes están vacinados, e así polo menos podemos usar o comedor" di un restaurador.

Na rúa tamén ven ben que se lle dea un respiro á hostalería, un sector esencial no concello. "Hai que coidar un pouco de todo, da saúde e da economía" di unha veciña. "Sempre será mellor ter restricións que o peche total da hostalería" afirma un veraneante.

Tampouco haberá peche perimetral, así que esperan que os visitantes sigan chegando ao concello e tentar salvar o que queda de verán.

Noticias web

21/07/2021