CRTVG

Buscar

Hostaleiros de Santiago critican o horario de carga e descarga que propón o concello

Publicado o 10/09/2021 13:52

Os hostaleiros de Santiago quéixanse dos novos horarios de carga e descarga que quere poñer o concello. Aseguran que non son viables para todos os negocios e piden unha xuntanza para buscar alternativas. Aseguran querer ordenar o tráfico nas zonas restrinxidas, que no mes de agosto foi caótico. Os hostaleiros consideran irreais e inviables os novos horarios de carga e descarga que propón o concello e que suporían ter que realizar a repartición entre as sete e as nove da mañá no casco histórico e ata as dez no resto da cidade.

Avelino Martínez, vogal da Asociación de Hostalaría de Santiago: "Hai un descoñecemento da recepción de mercadorías dentro dun restaurante. Ti tes que ter un protocolo e iso leva un tempo. Ás sete da mañá, de sete a nove, é un horario de descanso; ti comezas a actividade ás nove e media ou dez, recibindo mercadoría e preparando todo. Os horarios de repartición non se corresponderían cos horarios de traballo dentro do local".

Entre a súas propostas están flexibilizar o horario permitindo facelo ata polo menos as 10:30 horas, buscar opcións para poder abastecer os locais de lecer nocturno establecendo unha repartición especial os xoves de catro a seis da tarde, establecer varias localizacións na contorna do casco vello en que os vehículos de repartición poidan parar e descargar e, desde alí, levar as mercadorías Tamén propoñen como puntos de saída, por exemplo, as prazas de San Clemente e Mazarelos e os espazos de aparcadoiro da Algalia e do Pombal.

Avelino Martínez, vogal da Asociación de Hostalaría de Santiago: "Neste momento Santiago ten rúas cortadas, en obras, o clima, colexios, e moitas veces non se pode medir a distancia entre dous puntos en metros senón no tempo que che pode levar; por exemplo, si ti tes o camión de repartición en San Clemente, chegar á rúa de San Pedro lévache 25 minutos ou máis".

A hostalaría compostelá espera que o Concello atenda as súas peticións, tendo en conta ademais a delicada situación que atravesa o sector despois de 18 meses de restricións por mor da pandemia.

Noticias web

10/09/2021