CRTVG

Buscar

Os hostaleiros de Celanova conseguen cada día milleiros de visitas no seu vídeo de medidas anticovid

Publicado o 09/03/2021 20:51

E deste xeito en apenas dous minutos os hostaleiros de Celanova repasan as principais dúbidas dos seus clientes.

"Foi unha cousa que decidimos bastante rápido, de feito o vídeo está gravado cuns móbiles nosos e con outro grabando audio e editámolo nós rápidamente no ordenador. Foi voluntario, os dous protagonistas son hostaleiros, fixemos un guión moi sinxelo para comunicalo rápido que era o que queriamos", explica Jorge Cardoso González, presidente da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Celanova Chea. 

Colgárono en redes o domingo e chegou a sorpresa: xa superan as catorce mil visualizacións.

"As redes sociais hoxe en día están a volta da esquina, todo o mundo ten unha rede social na que fixarse, están todo o día co teléfono móbil, sobre todo a xuventude, e o vídeo corre moito", comenta Álvaro Rodríguez Rodríguez, hostaleiro en Celanova.

Queren que os clientes perdan o medo e volvan os seus locais e facerlles chegar a mensaxe de que o cumprimento das normas anticovid é algo moi sinxelo e un beneficio para todos.

"É moi doado chegar a unha mesa e facer como se ve no vídeo, e nós desde logo agradecémolo moito. Nós procuramos sempre que estean limpas as mesas, que haxa xel hidroalcólico, que temos os códigos para que eles poidan rexistrarse...é moi doado, e moito máis doado do que pensan", di Manuel Riestra Santalices, hostaleiro en Vilanova dos Infantes.

Algo sorprendidos aínda coa repercusión da súa iniciativa, confían en que a sona de Celanova e a súa hostelería siga medrando en redes, e que o camiño sexa de a pouco algo máis sinxelo para todos.

Noticias web

09/03/2021