CRTVG

Buscar

Os hospitais galegos buscan doantes de plasma con anticorpos da COVID-19

Publicado o 06/05/2020 19:54

Os hospitais galegos fan un chamamento a aqueles pacientes que xa superaron a COVID-19 para que doen plasma. Hoxe sumouse a área sanitaria de Ourense. Un dos primeiros doantes será unha das hematólogas que participan no programa, e que xa pasou a enfermidade.

O plasma daquelas persoas que superaron o coronavirus contén unha arma esencial na loita contra a COVID-19: os anticorpos.

Julio del Río-Garma, Responsable do Banco de Sangue do CHUO: "Esta é unha enfermidade por un axente novo e non estamos inmunizados. O plasma é unha maneira de inmunizarte pasivamente: recibir doutra persoa os anticorpos para poder superar a enfermidade".

Coma os bancos de sangue, os de plasma contra a COVID-19 nútrense de doazóns. Os doantes, voluntarios, deben reunir as condicións habituais para a doazón de sangue, e algunha específica.

Julio del Río-Garma, Responsable do Banco de Sangue do CHUO: "Teñen que ser persoas que pasaran as últimas molestias da COVID-19 hai 14 días e tamén que fixera uha proba específica de PCR que sexa negativa, que acredite que xa non ten o virus no corpo".

A doutora Marta Aceituno, residente de Hematoloxía en Ourense, cumpre o perfil. Será doante voluntaria ao tempo que fai o seguimento do programa desde a súa responsabilidade sanitaria.

Marta Aceituno, Residente de Hematoloxía do Hospital de Ourense: "O único que tiven é que perdín o olfacto e o gusto, pero nada máis. Paseino de maneira leve e agora é a miña oportunidade de axudar as persoas que o están pasando agora".

Unha vez seleccionados os doantes, é a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia a que se ocupa da recollida e utilización do plasma, que ten unha vida útil de ata 2 anos e se emprega tamén para a investigación da enfermidade.

Noticias web

06/05/2020