CRTVG

Buscar

Os hábitos de vida saudable poderían evitar a metade dos casos de diabetes

Publicado o 14/11/2019 15:01

É a grande enfermidade silenciosa do planeta: 463 millóns de persoas no mundo padecen diabetes, unha cifra que se triplicou nos últimos 20 anos e que, lonxe de frearse, vai a máis. Supón o 10% do gasto sanitario e causa máis do 11% das mortes. Galicia non é allea ao crecemento desta doenza.

"Os últimos datos din que o seis e medio por cento da poboación ten diabetes, pero a cifra pode ser moito maior porque aproximadamente a metade dos enfermos non están diagnosticados aínda", puntualiza o xefe do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do CHUS, Miguel Ángel Martínez Olmos.

Uns datos que, con todo, poderían reverterse, porque o 50% dos casos da diabetes máis frecuente, a tipo II, poderíase evitar cunha sinxela receita: hábitos de vida saudables. Alimentación sa, deporte e é moi importante, segundo insiste o especialista, combatir a obesidade.

Porque a obesidade está facendo que a enfermidade non só aumente entre os adultos, senón tamén, e de forma alarmante, na poboación infantil. Mesmo así, a maior parte dos diagnósticos a nenos son da diabetes autoinmune, a tipo I. Desde a asociación de nenos afectados Rocío Cejudo explica que ese diagnóstico "implica facer oito, dez ou doce controis de glucemia diarios".

As asociacións de pacientes ofrecen axuda e consellos para vivir coa enfermidade sen traumas. Porque, como di Esteban Boquete, da Asociación de Diabéticos de Santiago, "se controlas a alimentación, fas deporte e tes un rigoroso control sanitario podes facer unha vida absolutamente normal".

Ás administracións pídenlles maior facilidade de acceso aos novos sistemas medidores do azucre en sangue e máis recursos para investigar novos fármacos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2019