CRTVG

Buscar

Os gromos obrigan a aplicar medidas máis estritas en varios concellos españois

Publicado o 13/09/2020 21:21

Arredor de corenta municipios seguen confinados e con medidas máis restritivas para dar controlado os últimos gromos detectados neles.

En Cantabria, un barrio de Torrelavega ten establecido un cordón sanitario que afecta a máis de 6.500 veciños. Os contaxiados despois da celebración dun bautismo superan xa o cento, e ante as restricións algúns dos veciños tentaron abandonar o barrio.

Tamén en Valencia 130 persoas de dúas localidades pequenas están confinadas nas súas vivendas como consecuencia de dúas cerimonias relixiosas. Son veciños que o domingo pasado asistiron a seis comuñóns e outros fieis que acudiron o sábado á misa. O párroco confirmou o martes que dera positivo, e iso activou o protocolo sanitario.

Nas Baleares, os veciños de catro barrios de Palma continúan tamén confinados para conter os contaxios. Estanse a realizar cribados estratéxicos para determinar o número de infectados. Instaláronse unidades móbiles para realizar probas PCR e habilitouse tamén o aparcamento do antigo hospital de Son Dureta para que os veciños poidan facer os tests.

Noticias web

13/09/2020