CRTVG

Buscar

Avanzan os plans de desescalada en Europa, coa excepción do Reino Unido

Publicado o 27/04/2020 14:16

O Goberno alemán pídelles cautela ás rexións no proceso de desescalada á espera de definir os seguintes pasos. Xa é obrigatorio o uso de máscaras, no transporte público en todo o país e nos comercios só nos lands máis afectados pola pandemia.

E en Escandinavia seguen dando pasos cara á nova normalidade. En Noruega, despois da reapertura das garderías toca volver ás clase nas escolas de primaria, iso si, con severas medidas de hixiene e distanciamento. Dinamarca reabriu os xulgados, pero tivo que dar un paso atrás e pechar zonas públicas e reactivar as multas polas aglomeracións de xente coa chegada do bo tempo.

En Suecia as autoridades sanitarias piden ir paseniño no proceso de desescalada. Isto non é un maratón a ver quen o fai antes, advirten.

En Francia, o presidente Macron pecha os últimos detalles do plan de desconfinamento que presentará este martes.

Italia xa presentou o seu. Os últimos en abrir, non o farán ata xuño, serán os bares, restaurantes e salóns de peiteado.

No Reino Unido volveu ao traballo Boris Johnson. Tras recuperarse da COVID-19 avisou que era demasiado cedo para relaxar as medidas de confinamento. Fai un chamamento a respectar as restricións ata superar a primeira fase da pandemia. Semella que o Reino Unido pode estar acadando o pico de contaxios. Estamos no momento de máis risco, advertiu o primeiro ministro.

E Portugal, que suma 928 mortos e 24.027 positivos xa se prepara para levantar o estado de emerxencia e relaxar as medidas a partir do 4 de maio. O levantamento do estado de emerxencia, dará paso á declaración do estado de "calamidade", e farase progresivamente e en función dos resultados para evitar que se dispare o contaxio, indicou o primeiro ministro luso, Antonio Costa. Tamén dixo que mentres non haxa vacina, se a curva de expansión do virus volve crecer, haberá que "dar un paso atrás".

O secretario de Estado de Saúde de Portugal, António Saes insistiu en que a estratexia das autoridades sanitarias portuguesas pasa por practicar masivamente test de diagnóstico de coronavirus e lembrou que desde o pasado 1 de marzo xa foron realizadas 357.000 probas. Ademais, técnicos portugueses ultiman unha aplicación para móbiles que permitirá rastrexar  contaxios da COVID-19; será de uso voluntario e facilitará aos usuarios saber se estiveron en contacto con algún paciente que deu positivo.

 

 

Noticias web

27/04/2020