CRTVG

Buscar

Os gases e a chuvia de cinza poden afectar as persoas e os cultivos

Publicado o 21/09/2021 10:05

As linguas de lava do volcán Cumbre Vieja avanzan imparables, arrasando máis dun cento de casas, estradas e todo o que atopan no seu camiño. O dispositivo de emerxencia refórzase na Palma ante a inminente chegada do magma ao mar. A lava está a máis de mil graos de temperatura e podería provocar explosións ao tocar a auga. A actividade do volcán baixou e o sinal do tremor volcánico descendeu un 60 % respecto ao primeiro día.

Na noite deste luns comezou saír lava da base do cono principal e segundo Ithaiza Domínguez, xefe de Sismoloxía do Instituto Xeográfico Nacional, "o importante é que non se abra unha nova fisura a certa distancia do volcán orixinal porque pode enviar colas de lava a outras zonas da illa". A lingua principal freou a súa velocidade porque o material vaise acumulando e freando. Domínguez afirmou nunha entrevista realizada no informativo Bos días que "é difícil que a lava chegue hoxe ao mar".

A lava, cando chegue ao mar, vai evaporar a auga e soltar os seus gases. O xefe de Sismoloxía do Instituto Xeográfico Nacional manifestou que "non deberían de ser perigosos, sempre que a xente non se achegue ata a zona onde se produza ese contacto e respecte os dous quilómetros de distancia de seguridade". Os gases poderían ter efectos respiratorios bastante nocivos nas persoas, matizou Domínguez.

Noticias web

21/09/2021