CRTVG

Buscar

Os gardas civís denuncian insultos e ameazas nos rexistros do 1-O

Publicado o 21/03/2019 20:33

Os relatos dos axentes da Garda Civil que participaron nos diferentes rexistros relacionados co referendo ilegal coinciden. Todos os que declararon nesta sesión do xuízo falan de insultos, ameazas e odio por parte das persoas que se concentraban nos lugares que debían rexistrar. Un deles asegurou que nunca esquecerá o sucedido cando acudiron a un centro de votación.

"A min o que si me quedou é como me miraban, non sei se era por desprezo ou por odio, non sei se é pola miña condición de garda civil, non o sei, pero a min nunca por facer o meu traballo me cuspiron".

Unha escena semellante describiu outro garda civil que participou no rexistro dunha nave onde se incautaron de 10 millóns de papeletas. 

"Eu a verdade é que non vivín o conflito vasco, grazas a Deus, pero compañeiros meus veteranos dixéronme que o principio do conflito vasco se semellaba moitísimo".

E fronte aos numerosos testemuños que falan da pasividade dos Mossos, este xoves escoitamos un garda civil gabando a policía autonómica durante o rexistro do domicilio dun cargo da Generalitat.

"O dispositivo policial de uniforme que había alí de Mossos d'Esquadra fixeron un bo traballo".

Ademais, os garda civís revelaron o contido dalgúns documentos atopados. Como, por exemplo, que a Generalitat tiña calculada a cantidade que precisaba para o arranque dunha Cataluña independente, 22.800 millóns de euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/03/2019