Os gandeiros xa traballan na sementeira do millo
Cando apenas acaban de rematar co ensilado da herba forraxeira, os gandeiros xa están traballando na sementeira do millo. Un labor imprescindible porque del depende a metade da alimentación das vacas ao longo do ano. Nas vindeiras semanas terán que estar atentos aos ataques do xabaril ou á aparición de pragas de fungos e insectos.
O tractor deposita baixo a terra as sementes do millo que se agarda recoller no final do verán. Na maioría das comarcas leiteiras galegas o millo é imprescindible para a alimentaciòn das vacas. O cereal almacénase nos silos e os animais poden comelo durante todo o ano, recibindo así as achegas de proteína, carbohidratos e fibra que precisan para producir leite en cantidade e de calidade. Aínda que depende moito da zona que se trate, considérase que 40 toneladas de millo por hectárea é unha boa colleita.
"O millo pode ser a metade da ración que comen diariamente as vacas. Sobre todo as que están en produción, que comen moito máis millo ca herba."
O principal inimigo do millo é o xabaril. Os animais poden atacar as plantacións en calquera momento dende que se sementa ata que se recolle, causando importantes perdas económicas. Tamén pode verse afectado por diferentes insectos e fungos como a trade, o verme gris ou o carbón do millo. Por iso, os gandeiros buscan métodos para protexelo.
"Agora estamos máis alerta e cando detectamos algunha praga xa procedemos a aplicar fitosanitarios ou utilizamos sementes xa protexidas fronte as pragas."
Galicia concentra máis do 75% de todo o millo forraxeiro que se cultiva en España con arredor de 70.000 hectáreas dedicadas ao cereal. Unha soa vaca pode comer ata 17 quilos de millo ao día.