Os galegos presentan 50.000 declaracións da renda en dous días de campaña
Apenas dous días depois de iniciarse a campaña da renda, a Axencia Tributaria acordou xa as primieras devolucións en Galicia por importe de 5 millóns de euros. Facenda prevé recadar dos contribuíntes galegos 465 millóns de euros co IRPF e outros 80 co impostos sobre o patrimonio, nunha campaña na que por vez primeira desaparece o papel.
As declaracións da renda en papel son cousa do pasado. Desde este ano pódense presentar só a través da web, a aplicación móbil e o teléfono da Axencia Tributaria, que incorporan melloras importantes.
A confección de declaracións vía telefónica incrementa a súa capacidade para atender ata medio millón de chamadas durante a campaña. Imelda Capote, delegada da AEAT en Galicia: "O que se trata é de axilizar a presentación de declaración, que os contribuíntes pois non teñan que agardar ao inicio da campaña telemática para poder presentar as súas declaracións e que poidan xestionar rapidamente a súa declaración e que poidan obter tamén rapidamente a súa devolución."
Nas primeiras 48 horas desta campaña, os contribuíntes galegos entregaron algo máis de 56.000 declaracións e Facenda acordou xa case 14.000 devolucións por importe de 5 millóns de euros. Algunhas das novidades deste ano son a desgravación dos gastos de gardería, a obrigación de declarar os alugueiros dos pisos turísticos ou que os premios de lotaría tributan a partir dos 10.000 euros.