CRTVG

Buscar

Os galegos preparan o Nadal con dúbidas sobre as medidas

Publicado o 03/12/2020 20:13

Reunións dun máximo de dez persoas, nenos incluídos; toque de recollida ata a 1:30 en Noiteboa e fin de ano, e prohibido saír das comunidades autónomas, agás por motivos excepcionais. Parece que estas indicacións sobre como teremos que celebrar o Nadal están claras, pero hai outras que aínda non chegamos a entender.

Que se consideran achegados ou como se vai controlar que saímos da comunidade para ir ver familiares

O documento acordado na Interterritorial de Saúde sinala que entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro non se poderá entrar nin saír das comunidades autonómas. As dúbidas veñen coa excepción: acudir a lugares de residencia habitual de familiares ou achegados. Ese concepto, o de achegado, xera unha controversia que Salvador Illa tratou de aclarar así.

"Unha persoa que sen ter unha relación familiar clásica teña unha vinculación sentimental moi determinada, o que todo o mundo sabe que ocorre en Nadal. Pero non é momento nin de ir de vacacións nin de ir un grupo de amigos pasaren uns días noutra zona de España", explica o ministro de Sanidade.

E ante as dúbidas, Sanidade fai un chamamento á responsabilidade cidadá. "Quixemos lanzar unha mensaxe moi clara e precisámola do mellor xeito que souberon os nosos xuristas. A mensaxe é: no Nadal, queda na casa", advertiu Salvador Illa

A Xunta presenta dúas alegacións ao documento

A Xunta valora positivamente que haxa un acordo marco para o Nadal. Considera razoable e axeitado o peche perimetral das comunidades autonómas. Pero agarda que o documento final teñan en conta as súas alegacións. A consellería de Sanidade pediu que as celebracións se limiten a dúas unidades familiares e que no máximo de dez persoas reunidas non se contabilice os menores de dez anos.

Noticias web

03/12/2020