CRTVG

Buscar

Os galegos gastamos na compra 128 euros máis ca a media por ano española

Publicado o 25/06/2019 21:42

No último lustro, todos os estudos sobre os hábitos de alimentación dos españois coinciden en que están máis preocupados polo que mercan e polo que comen. O estudo que acaba de publicar o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación conclúe que os consumidores están dispostos a gastar máis en produtos con ese valor engadido do "saudable". Tamén os galegos foxen dos produtos prefabricados e industriais.

"O consumo de produtos preparados diminuirá en contraposición ao aumento do consumo de produto local, de temporada ou fresco", asegura Rebeca Sánchez da Unión de Consumidores de Galicia.

O estudo do ministerio coincide co publicado en marzo pola Unión de Consumidores de Galicia. Un galego come preto de 5,5 quilos de carne vermella ao ano, 2 quilos máis ca un español e tamén consome máis leite e os seus derivados.

"En Galicia comemos moita máis carne vermella da recomendable e tamén consumimos moito produto lácteo. Son as dúas grandes áreas alimentarias onde máis gastamos os galegos", di Rebeca Sánchez, da Unión de Consumidores de Galicia.

Un galego consome o 51% máis de aceite, máis pan e máis fariña. Como curiosidade somos os que máis mazás rilamos, 14 quilos cada un, case 5 quilos máis que noutros lugares. Será, como dicía Manolo Rivas en Galicia contada a un extraterrestre, que aquí hai más de 70 razas de maceiras.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/06/2019