CRTVG

Buscar

Bos días

Os galegos emigrados na Arxentina celebran o Día de Galicia

Publicado o 26/07/2016 09:33

As conmemoracións polo Día de Galicia cruzaron tamén o océano Atlántico.
Os galegos residentes en Bos Aires, a pesar de ser un día laborable, organizaron diversos actos civís e relixiosos polo día grande da comunidade.
As celebracións prolongáranse ata a fin de semana.

Bos Aires tamén festexou Galicia no seu día grande. Cunha ofrenda floral cargada de significación ante os bustos de Rosalía de Castro e Castelao iniciaronse as conmemoracións no Centro Galego de Bos Aires, cuxas autoridades convidaron a reflexionar sobre a Galicia ideal construida na diáspora.

Manuel Rey, socio veterano do Centro Galego de Bos Aires: "Galicia non sería o que é se non houbese este Centro Galego que facía estas xornadas, que traía convidados de honra, que falaba galego".

Non importou que o 25 de xullo fose laborable na Arxentina nin que amencera un chuvioso día de inverno.

O amor e devoción por Galicia e por Santiago Apóstolo é toda unha motivación para os galegos.
De feito, foron moitos os que se achegaron á igrexa de San Ignacio de Loyola, no corazón de Bos Aires, onde repousa un retablo doado pola comunidade galega, para honrar o patrón de España.

As conmemoracións deste 25 de xullo continuarán na capital riopratense durante toda a semana con ciclos culturais, ensambles de música celta e un pasacalles das agrupacións folclóricas galegas que culminará nun gran festival musical, onde tampouco faltarán as degustacións de produtos da terra.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

26/07/2016