CRTVG

Buscar

Os futbolistas españois piden que sexa o Goberno quen autorice expresamente o retorno da Liga

Publicado o 06/04/2020 21:27

O Bayern de Múnic empezou a adestrar este luns, por grupos, respectando unha distancia de seguridade e as directrices das autoridades. O porteiro Manuel Neuer declarou que foi unha sensación moi extraña. Levaban dúas semanas parados. O venres empezou o Schalke. Aquí semella algo lonxe.

A asociación de futbolistas españois está preocupada polas decisións que poida tomar a Liga e pídelle mediación ao goberno a través do Consello Superior de Deportes. Nun comunicado, a AFE reclama que a competición non se poña en marcha ata que o indiquen expresamente as autoridades; reclama un protocolo que garanta a seguridade para todos, futbolistas e contornas, e cuestiona os ERTE que está a promover Tebas nunha Liga saneada.

O presidente da Liga replica por tuiter que os clubs acollidos ao ERTE están no seu dereito porque é o instrumento legal previsto cando a actividade dunha empresa se reduce por forza maior... Este martes reúnense Liga, AFE e Federación española de fútbol.

En Italia, a patronal decidiu unilateralmente rebaixar os soldos dos futbolistas un terzo, que equivale a catro meses de salario, se non volve a liga. E se volve, deberán renunciar a dous meses de soldo. O vestiario da Juve xa chegara antes a un acordo co club para aforrarlle 90 millóns en salarios.

O presidente da UEFA nas últimas horas cambiou as ameazas ás federacións que queren dar por concluídas as ligas por un discurso máis conciliador. Aleksander Ceferin cre que sería inxusto deixar a liga inglesa en branco e o Liverpool sen título cando lle leva 25 puntos ao segundo clasificado.

Noticias web

06/04/2020