Os furtivos ameazan os gardas rurais de Cabo de Cruz
A actividade dos furtivos aumenta nas praias na época estival, sobre todo cando hai mareas vivas. En moitas ocasións son os propios veciños os que collen ilegalmente o marisco e incluso se arrepoñen aos gardas cando lles esixen que o volvan ao mar.
Son imaxes dos gardas rurais da confraría de Cabo de Cruz desta fin de semana.
"Iso ten que o deixar aí, que non se pode levar", dille un garda a unha muller que está a sacar marisco.
"Estes lévoos para os meniños", di a muller.
"Non se pode levar porque está prohibido", insiste o garda.
Situacións que se dan nunha xornada habitual de traballo controlando uns areais en que acotío alguén intenta roubar marisco.
"A xente non acepta que non se pode coller e que nós cheguemos alí e que llo poidamos retirar. Que iso está prohibido pola Lei de pesca de Galicia e hai xente que non o acepta", di o garda.
A resposta cando os gardas os reprenden por quitar marisco ilegalmente é en ocasións violenta, con ameazas e incluso agresións.
"Por exemplo, onte pola mañá atopamos aquí unha familia que andaba ao longueirón e comunicámoslle que non o podía extraer que era ilegal, que non estaba permitido, e o señor empezou a alterarse porque quería levalo ata que me quitou o caldeiro que tiña na man co longueirón, quitoumo dunha forma agresiva, tirouno ao chan e estaban os fillos aí ao noso carón. Empezaron a chorar e gritar e o señor empezouse a alterar e intentámolo calmar. Pero o señor sempre tiña algo máis que dicir ca nós", insite o garda.
Un incidente semellante sufriu outro garda que vixiaba noutra praia: "Un compañeiro que lle solicitou que tiña que entregar o longueirón que extraera. O señor negábase e o meu compañeiro retiroulle a bolsa co longueirón. Este señor intentou agredilo. O meu compañeiro dá uns pasos cara atrás e viuse obrigado a empregar o spray de defensa".
Desde o verán pasado os gardas poden usar estes métodos de defensa en casos violentos. Ademais de retiraren o marisco ilegal, levantan acta e denuncian ante a Garda Civil as ameazas ou agresións. As multas por extracción de marisco superan os 150 euros, e van a máis segundo a cantidade roubada e a reincidencia.