CRTVG

Buscar

Os fregueses queren restaurar a capela de Santa Lucía de Asados, en Rianxo, polo seu mal estado

Publicado o 08/02/2019 14:10

A capela da Santa Lucía de Asados, en Rianxo, está a caer a cachos. Un grupo de veciñas, xunto co cura que leva a parroquia, están a ver se a restauran. Andan xuntando cartos, pero ata o momento só teñen tres mil euros. Unha sexta parte do que custa o arranxo. Piden axuda.

So fai falla unha visita á capela cando chove para ver a auga pingando polos moitos buracos da deteriorada cuberta. Cae sobre os poucos bancos de madeira, e a humidade vese tanto no chan coma nas paredes, onde a pintura cae aos cachos. Pero a prioridade é cambiar o tellado para que os fregueses non se mollen o día da festividade de Santa Lucía, que se conmemora en decembro.

"Case hai que estar con paraugas dentro. Non só a incomodidade de que chove dentro, senón que a xente está un pouco pendente a ver se vai caer unha tella na cabeza ou calquer cousa destas. Ten un pequeno retablo alí que xa está, todo é como papel de fumar xa. Todo está con moita humidade. Vaise deteriorando todo. Ou a arranxamos ou a deixmos caer".

Houbo un tempo en que a romaría de Santa Lucía de Asados era unha festa importante, non só na parroquia, senón en todo o concello rianxeiro e parte da comarca. Na capela xuntábanse centos de persoas durante todo o día, fixese frío, ventase ou chovese. Eses tempos de esplendor fóronse e con eles corre o risco tamén de acabar desaparecendo o templo na honra da santa.

"Vou ir a Santiago falar co arcebispo, xa tiña que pedirlle permiso, pero teño que mandarlle unha solicitude a ver se me conceden un préstamo para irllo pagando pouco a pouco ou algo así".

Máis aló do chamamento aos fregueses durante as homilías, aos que explicou que a parroquia non dispón de fondos para afrontar o investimento que se necesita, o sacerdote enviou unha carta a entidades da parroquia, como as comunidades de montes, pedíndolles axuda. Tamén se constituíu unha comisión de mulleres que andan a pedir aos veciños. Xuntaron xa tres mil euros, pero o arranxo está arredor dos 18.000.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/02/2019