CRTVG

Buscar

Os Franco solicitan ao xulgado que lles permita retirar "todos os bens" do pazo de Meirás

Publicado o 26/04/2021 18:25
Os Franco solicitan ao xulgado que lles permita retirar "todos os bens" do pazo de Meirás

Os Franco solicitaron ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que lles conceda de "forma inmediata" un prazo "razoable", que estiman dun mes, para proceder á retirada de "todas as cousas, bens ou obxectos que hai no interior do inmoble".   

"Coa soa excepción daquelas que, eventualmente, se atopen nel por ser colocadas pola propia parte actora", indica en referencia ao Estado despois de que tomara posesión do pazo de forma provisional en virtude da sentenza ditada por este mesmo xulgado.   

A petición fana despois de que a semana pasada a Audiencia Provincial da Coruña revogara o depósito cautelar dos bens mobles existentes no interior do pazo. Sobre o trasladado ao xulgado, o letrado do Franco, Luis Felipe Utrera-Molina ratificou a Europa Press que se refiren a todos os bens, incluídos os que estean declarados Ben de Interese Cultural (BIC). Este é o caso das estatutas do Mestre Mateo, ás que se suman a biblioteca Emilia Pardo Bazán, que conta coa protección dun ben deste tipo após iniciarse o ano pasado o correspondente expediente.   

"O que está declarado BIC tamén é propiedade dos meus clientes, a unica matización respecto ao traslado de bens que son BIC é que está sometido á proteccion da Lei do patrimonio cultural de Galicia", lembrou o avogado, que avanzou que solicitarán o "oportuno permiso" á Administración galega.

Retirada dos bens do interior   

No seu escrito, piden tamén que se ordene ao Estado que permita o acceso ao inmoble dos profesionais que designe a familia Franco a fin de proceder á retirada dos bens "que hai no seu interior".   

Ademais, expoñen a "eliminación ou supresión" das actuacións do inventario de bens que se realizou, datado en novembro do ano pasado, e que levou a cabo, expón, ao amparo dunhas medidas revogadas.   

Expoñen tamén que se ordene tanto ao Estado, como parte demandante como ás institucións que se adheriron á demanda -Xunta de Galicia, concellos de Sada e A Coruña e a Deputación coruñesa-"a que se absteñan con carácter indefinido de todo uso, utilización, invocación, divulgación e/ou revelación a persona algunha, pública ou privada, de tales documentos".   

"E de todos e cada un dos datos e informacións que os mesmos pon de manifesto en relación cos bens existentes no inmoble reivindicado". O mesmo solicitan en relación ás persoas que participaron na elaboración dos mesmos. Por outra banda, remarcan que se reservan os dereitos correspondentes en relación á indemnización que poden solicitar.   

En concreto, a pasada semana, a Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña revogou o depósito dos bens a favor do Estado do pazo de Meirás, é dicir, determina que a demanda da parcela catastral feita pola Administración Xeral do Estado non inclúe "mesas, vaixelas, alfombras ou cadros" nunha resolución contra a que non cabe recurso.   

Fíxoo após estimar o recurso presentado pola familia Franco, que agora deberá ser "indemnizada" polos danos e prexuízos que lles puido ocasionar esta situación. Desta forma, a Audiencia Provincial deixou sen efecto o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña.