CRTVG

Buscar

Os forenses informáticos rastrexan os móbiles no caso Verónica

Publicado o 02/06/2019 22:26

Os forenses informáticos traballan a petición da fiscal do caso nun informe que determine que persoa ou persoas e desde que terminais se difundiron as imaxes de Verónica, a muller que se suicidiou despois de que varios vídeos de contido sexual se distribuíran nas redes sociais. Compartir un vídeo sen autorización expresa que poida menoscabar a moral ou a intimidade dunha persoa pode supoñer unha pena de entre un e tres anos de cadea, segundo o Código Penal español. 

Verónica tiña 32 anos e dous fillos. Suicidouse en Alcalá de Henares despois de que ata cinco vídeos de contido íntimo se difundiran na planta de Iveco de Madrid onde traballaba. Segundo fontes policiais, o 80% do cadro de persoal, 2.000 persoas de entre 2.500, sabían da existencia dos vídeos, o que non quere dicir que todos o difundiran.

Francisco Javier García, avogado de AtData Protection: "As vítimas deste tipo de condutas séntense moi desamparadas porque ten unha transcendencia social que é mi complicada de combater. Cando se lle dá a compartir, cando o vídeo saíu do noso poder, as consecuencias son imparables".

As forzas de seguridade do Estado traballan nun informe que solicitou Elvira Tejada, a fiscal da Sala de Criminalidade Informática.

Francisco Javier García, avogado de ATData Protection: "Ese é un labor que xa lles corresponde aos forenses informáticos das forzas e corpos de seguridade do Estado para rastrexar a fonte, que tecnicamente é posible, esa fonte orixinal que compartiu primeiro o vídeo".

Hai un ex-novio da falecida investigado e outro saíu da comisaría da policía en liberdade, sen cargos, despois de entregar o seu teléfono e negar a difusión de vídeo ningún. Comisións obreiras denuncia que Verónica puxo en coñecemento da empresa a situación en que estaba, pero que lle dixeron que se trataba do seu ámbito privado e non laboral.

O Xulgado de Instrución número 5 de Alcalá de Henares abriu dilixencias para determinar as responsabilidades e posibles indemnizacións. O Código Penal castiga con penas dun a tres anos de cadea as persoas que reciben o vídeo e o difunden sabendo que non están autorizadas por quen o protagoniza.

Noticias web

02/06/2019