CRTVG

Buscar

Os forenses falan de brutalidade no ataque do home que matou un toxicómano en Carballo

Publicado o 15/01/2019 14:35

Os forenses que examinaron o corpo da vítima que recibiu 57 coiteladas en Carballo falan de brutalidade extrema no ataque. Identificaron como mortal unha das últimas feridas que tivo lugar no pescozo e que seccionou as carótides.

Nesta terceira sesión do xuízo declararon tamén varios axentes da Policía Local e da Garda Civil que coincidiron en que nada máis ver o cadáver se decataron de que se trataba dunha morte violenta.

Os forenses do Imelga que lle practicaron a autopsia á vítima non dubidan en que a súa morte foi violenta. Contaron que atoparan moitos síntomas de violencia compatibles, tanto pola súa morfoloxía como polo seu tamaño, co coitelo de cociña que posteriormente atopou unha axente da Policía Local de Carballo. Determinaron 57 coiteladas en varias partes do corpo, mesmo na cara e tamén na cabeza.

Engadiron que o corpo presentaba tamén feridas defensivas e outras, como as do tórax, de especial brutalidade porque chegaron a a órganos internos. Detallaron que unha das coiteladas chegou a tocar o corazón do falecido e que outras fracturaron varias costelas e atravesaron o diafragma.

Nesta terceira xornada do xuízo declarou tamén unha das testemuñas, enfermeira de profesión, que viu o cadáver tendido no chan. Di que nada máis baixar do coche atopouno xa morto, boca abaixo e enriba dun gran charco de sangue e que ao verlle o corte no pescozo xa se decatou de que se trataba dunha morte violenta. Así tamén a describiron os axentes da Garda Civil e Policía Local de Carballo. Amais deixaron constancia de que, no momento en que prenderon o investigado, que foi a un quilómetro do crime tras sufrir un accidente de tráfico, caeulle unha pequena pistola da man e que estaba moi violento e moi agresivo.

A Fiscalía acúsao dun delito de asasinato e outro de tenza ilícta de armas e pide para el 22 anos e medio de cadea.

O xuízo segue mañá na Audiencia Provincial da Coruña.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/01/2019