CRTVG

Buscar

Diana Quer tiña un "edema importante" compatible con violación, segundo un forense

Publicado o 21/11/2019 10:31

Diana Quer presentaba na súa área xenital un "edema importante", concretamente nos labios maiores, inchazón compatible cun acto sexual con violencia, tal e como explicou na oitava sesión da vista oral o xefe do Servizo de Patoloxía do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), José Blanco Pampín.

Este especialista tería que encargarse da autopsia inicial, pero atopábase de baixa laboral e por iso o seu papel foi posterior, cando a Audiencia Provincial da Coruña ordenou, ao atender a petición da familia da vítima mortal, revisar e aclarar algúns aspectos da mesma.

Este proceso fíxose principalmente en base ás fotografías tomadas e precisamente na reportaxe da Garda Civil na sala de autopsias apreciouse ese "fenómeno vascular" compatible, dixo Pampín, cun acto sexual con manobras varias "repetidas con certa violencia".

Demostrar que o único procesado neste caso, José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, violou a Diana Quer é para as acusacións, particular e Ministerio Fiscal, algo fundamental, porque diso pode depender que a condena sexa a da prisión permanente revisable.

A defensa estivo xogando ata o de agora a baza da inexistencia de vestixios biolóxicos que acrediten este abuso.

Os forenses cren que a brida foi a arma homicida no crime

Os tres expertos forenses que participaron no levantamento do cadáver de Diana Quer, que foi asasinada o 22 de agosto de 2016, explicaron na oitava sesión da vista oral que o que lles parece máis "razoable, con moito", a teor das lesións detectadas, é que a brida foi a arma homicida empregada para a asfixia.

Fernando Serrulla, Einés Monteagudo e Alberto Fernández -quen deu todos os detalles en sala, un relato apoiado por un vídeo que puideron visionar tanto as partes como o xurado- descartan ese homicidio involuntario porque unha persoa tarda entre 20 e 30 segundos en perder a consciencia, xusto o tempo que o procesado dixo que apertara.

Pero "para morrer necesita varios minutos de compresión, mínimo cinco" e á parte "é moi complexo, moi difícil, romper accidentalmente un hioides (un óso moi flexible que Diana tiña roto). Para romper hai que exercer unha presión nesa zona", de diante a atrás nun caso como este, pola súa mocidade, pois apenas contaba con 18 anos.

Do mesmo xeito que ocorre con esta teoría, tamén rexeitaron que Diana Quer fose atropelada, a primeira versión que deu o único procesado, José Enrique Abuín Gey, o Chicle, antes de contar que a afogaba ao suxeitala do pescozo cos seus dedos e sen darse conta da forza que estaba a exercer.

"Non hai lesión nas pernas", remarcou o forense Alberto Fernández, ao rexeitar o mencionado  atropelo cun vehículo, e precisou que, en cambio, o pescozo si é unha zona traumatizada polo efecto dun amarre.

Estes tres profesionais corroboraron que en todo momento foi respectada a cadea de custodia desa cinta.

A defensa, en cambio, pon en cuestión a súa chegada ao laboratorio e defende que o Chicle non a empregou para a sufocación.

E, como demostrar que o Chicle violou a Diana, máis aló dos indicios periféricos (foi localizada espida e coas pernas estrañamente abertas), é para as acusacións algo fundamental, porque diso pode depender que a condena sexa a da prisión permanente revisable, respecto diso afirmaron que as posibilidades de atopar ADN "eran ínfimas" e sería un "milagre".

De todas as maneiras, fixeron especial fincapé en aclarar que "se achamos algo, temos que pensar en algo; e non achalo, non exclúe nada".

Comentaron que hai mulleres que en caso desas agresións optan pola loita activa e outras permanecen quietas, e engadiron que "un gran racho" si o verían, "pero normalmente non se producen", si entre adultos e menores, pero non entre adultos, pois "entre adultos só hai rachos sutís se os hai, incluso sendo unha vítima viva".

E con Diana, ao estar 496 días nun medio acuático, un silo cilíndrico de 1,14 de ancho e dez metros de profundidade, os "rachos pequeniños non se detectaron".

"Coa condición dos efectos da saponificación (a graxa corporal convértese nun composto similar ao xabón), fixemos a autopsia xenital. Extráese en bloque e vaise diseccionando por planos para estudar todos os músculos, rachos, infiltrados ou calquera cousa que nos convide a pensar nunha lesión. Non o achamos. Non achamos restos xenéticos, o que non significa nada", subliñaron.

A defensa trata de desmontar os indicios periféricos e xoga a baza da inexistencia de vestixios biolóxicos que acrediten este abuso.

Os forenses corroboraron, ademais, na súa exposición a tese da entomóloga que testificou neste xuízo, pois as pupas de mosca achadas co seu ciclo vital completado demostran, e así se desprende do seu exame, que as áreas en que se desenvolveron tiveron que estar polo menos vinte días en superficie.

Por iso, puido haber un primeiro lastre, que se soltase e que o Chicle regresase días máis tarde á antiga fábrica para comprobar; ou ben que metese a Diana no buraco da nave de Asados sen  contrapeso e fixese o mesmo despois.

"Se o chega a lastrar o primeiro día, non aparecesen as moscas", aseguraron, e apostilaron que finalmente os adobes que lastraron o cadáver de Diana "eran tremendos, lastrarían tres corpos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí