CRTVG

Buscar

Os fogos do Apóstolo deixan o Obradoiro e trasládanse a 8 puntos da cidade

Publicado o 30/06/2020 14:53

A imaxe de todos os anos xa non volverá repetirse. Na noite do 24 de xullo, os tradicionais fogos do Apóstolo deixarán de iluminar a praza do Obradoiro. Esta idea, proposta xa a comezos de ano, busca evitar os danos que se xeraban nos edificios históricos.

"Viña obrigado pola imposibilidade de seguilos botando dende o tellado do pazo de Raxoi e tamén dende a catedral, que era o lugar tradicional, era incompatible coa restauración que se está facendo", explica Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago.

O espectáculo pirotécnico trasladarase de forma simultánea a 8 puntos da cidade como Fontiñas, O Pedroso ou a Cidade da Cultura, entre outros, para que sexan máis as persoas que poidan gozar deles e minimizando as concentracións.

Na rúa, en xeral, aplauden a idea. "O de redistribuír a beleza polos barrios paréceme fenomenal". "Se non se pode celebrar aquí, polo menos é unha forma de mantelos". "É importante para protexer o patrimonio". "Hai que ter coidado e manter as distancias para que a xente poida gozar dos fogos dunha maneira saudable", son algunhas das opinións que recollemos de veciños e visitantes.

Tamén se suspende no Obradoiro o espectáculo de luz e son. Ascendería a uns 130.000, un custo que consideran moi elevado para un espazo ao que coas actuais normas de seguridade só poderían acceder unhas 700 persoas.

Noticias web

30/06/2020