Os fogares con enerxía fotovoltaica poden recuperar a partir de febreiro o excedente que verten á rede eléctrica
Os propietarios de vivendas ou naves autosuficientes poderán compensar no recibo da luz o excedente de enerxía eléctrica que verten á rede eléctrica. Xa o permitían algunhas compañías, pero o próximo mes de febreiro a normativa entra en vigor de xeito xeneralizado. En Galicia hai uns 1.600 beneficiarios.
As instalacións que aproveitan a enerxía do sol, ou a forza do vento para producir electricidade, van medrando en número en Galicia. Xa hai unhas 800 vivendas e outras tantas granxas e industrias -pequenas e medianas- que optaron por instalacións autónomas de enerxía fotovoltaica. Agora a lexislación permítelles, por fin, obter unha compensación pola enerxía sobrante que verten á rede eléctrica.
"A partir do mes que vén xa poderán facer a compensación de excedentes da enerxía fotovoltaica que estean xerando nos seus fogares. É dicir, o que estean producindo polo día, pois consumiremos só a parte que estea demandando a casa e o outro verterémolo á rede; e o resto, recuperarémolo e facemos unha compensación de excedentes na factura eléctrica", explica José Manuel González, o presidente do Clúster do Autoconsumo de Galicia.
Un desconto que se estableceu en 5 céntimos por quilowatt e que é celebrado nos fogares que optaron polo autoconsumo, porque lles permite amortizar antes o investimento que fixeron. Coas axudas do INEGA, que volven saír en marzo, calculan 7.000 euros de gasto e uns 3 anos e medio para amortizalo. Serían as cifras nun fogar medio.