CRTVG

Buscar

Os fisioterapeutas aconsellan adecuar o peso das mochilas á capacidade dos nenos

Publicado o 14/09/2020 13:41

Comeza o curso escolar e as mochilas énchense de libros, cadernos, estoxos, merendas, mudas para a clase de educación física... unha chea de cousas que van cargando o peso que os estudantes levan ás costas desde ben pequeniños. A recomendación xeral da Organización Mundial da Saúde é que o peso da mochila escolar non supere o 15 por cento do peso corporal. Unha nena de 30 quilos non debería levar moito máis ca 3 quilos no seu macuto. E o que é tan importante como os quilos que carguen é a súa distribución.

"Deben ir ben axustadas no peso, as cousas máis pesadas pegadiñas ao lombo para que o reparto da carga sexa mellor, e o estoxo e este ano o xel hidroalcólico ir na parte máis externa", explica Fátima Fontenla Souto, vogal do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia.

Desde o Colexio de Fisioterapeutas de Galicia explican que un neno sedentario e con exceso de peso probablemente terá máis risco de sufrir algún problema nas costas que outro neno con moitos menos quilos de peso, pero habituado a facer exercicio. Precisamente no sedentarismo e na obesidade infantil está a explicación do incremento dos problemas no lombo dos máis pequenos que, mesmo así, son puntuais.

"Se levan mal a mochila ou máis peso do que poden levar poden ter problemas puntuais, unha contractura no pescozo ou na zona lumbar", indica Fátima Fontenla Souto, vogal do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia.

Problemas puntuais que non están relacionados, din, con outros máis serios, como a desviación da columna vertebral.

Noticias web

14/09/2020