Os felos de Maceda percorren as aldeas da serra de San Mamede
A despoboada Serra de San Mamede, no Macizo Central ourensán, volveu á vida ao son das chocas. Os felos de Maceda, que a piques estiveron de desaparecer na década dos oitenta, cóntanse por centos e son recibidos, con orgullo, polos seus veciños.
A néboa con que amenceu Maceda, punto de encontro dos felos, quedou atrás en canto comezaron a subir cara ás aldeas da serra. No pequeno lugar de Escuadro, os tres veciños habituais preparábanse para recibir arredor de cento corenta felos.
Pero a primeira parada é en Castro de Escuadro. Tamén aquí agardaban con impaciencia a chegada dos felos, o seu ruxido e as súas provocacións.
Durante toda a xornada os felos percorren unha ducia de aldeas da serra de San Mamede, preservando unha tradición que se conservou ao longo do tempo a pesar das dificultades.
O domingo volverán saír, a revisitar as aldeas onde esta figura ten as súas ancestrais orixes.