CRTVG

Buscar

Os farmacéuticos ofrécense para distrubuír as máscaras de balde

Publicado o 13/04/2020 17:06
Os farmacéuticos ofrécense para distrubuír as máscaras de balde

O Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos ofreceulle ao Ministerio de Sanidade a distribución controlada de máscaras á poboación a través da tarxeta sanitaria, sen marxe para as farmacias e ao prezo intervido que estableza o Goberno.

Nun comunicado, os farmacéuticos advertiron, con todo, de que neste momento non hai máscaras nas farmacias e aseguraron que a día de hoxe non teñen información respecto ao anuncio de que a finais de semana haberá dispoñibilidade delas.

"Ofrecémonos a garantir o seu acceso -o das máscaras- en condicións de igualdade aos 47 millóns de españois, distribuíndoas a marxe cero", é dicir, sen ningunha ganancia nin beneficio para a farmacia, nas condicións e prezo que fixe o Goberno.

Ao seu xuízo, sería a mellor solución porque as 22.000 farmacias son o recurso sanitario máis numeroso de España, sen cita previa, nin lista de espera. O presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, Jesús Aguilar, lembrou que eles foron os primeiros en pedir ao Goberno que impusiara un prezo fixo ás máscaras, para frear a especulación por parte de provedores alleos á canle farmacéutica. Denunciou, ademais, as prácticas especulativas das que están a ser vítimas as farmacias con estes produtos. Aguilar destacou que os farmacéuticos están a realizar un labor sanitario de primeira magnitude, entregando os medicamentos no domicilio dos pacientes máis vulnerables, aconsellando e tranquilizando a miles de cidadáns que non poden acudir aos centros de saúde, e garantindo a prestación farmacéutica.

"Todo este gran traballo non se pode ver embazado pola especulación e o incremento abusivo e inxustificado de prezos, que vimos diariamente denunciando, de provedores que non operan na canle farmacéutica", reclamou.

Por iso, instaron o Goberno para intervir xa no prezo destes produtos e pediron a Sanidade que responda o ofrecemento da rede de farmacias.

Noticias web

13/04/2020