CRTVG

Buscar

Os familiares agardan por un xeorradar para atopar o desaparecido no Saviñao

Publicado o 27/02/2019 14:45

Emilio Pintor, de 43 anos, leva seis días desaparecido. Durante as últimas xornadas, as forzas de seguridade trataron de atopalo no encoro dos Peares, onde o seu móbil deu sinal por última vez. Buscárono pola ribeira, dende o aire e tamén baixo a auga, pero polo momento non se localizou rastro ningún. Agora, os familiares de Emilio están á espera de que chegue un xeorradar que axude a dar co seu paradoiro.

Pili Santiso, cuñada do desaparecido: "Nós queremos saber algo. Non queremos que isto quede parado. Aquí non hai ninguén. Xa sabemos que están facendo o posible, pero queremos máis. Hai moita xente que o estamos buscando e que o queremos encontrar".

Natural da parroquia melidá de Zas de Rei, o desaparecido é veciño da Coruña e ten dous fillos menores. Malia a sospeita de que se encontre co seu coche no fondo do encoro, a súa familia non perde a esperanza de atopalo con vida.

Os familiares e achegados do desaparecido queren agora organizar unha batida pola beira do encoro para dar con algunha pista que axude a atopalo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/02/2019