CRTVG

Buscar

Os facultativos piden máis medios e tempo nas consultas no segundo día de folga na Atención Primaria

Publicado o 28/11/2019 16:34

Segundo e último día de folga de médicos e pediatras en Atención Primaria cun novo desencontro de cifras. Segundos os convocantes, o seguimento é similar ao de onte, con máis do 80% en Vigo e entre o 40 e o 60 no resto das áreas sanitarias. O Sergas sitúao no 15% de media.

Os convocantes da folga de médicos e pediatras na Atención Primaria de Galicia este 27 e 28 de novembro dan de prazo a primeira quincena de decembro para ver medidas implantadas nas consultas, mentres que o Sergas ofrécelles diálogo a través dos grupos de traballo.

En declaracións a Europa Press este xoves, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, insistiu, despois das críticas pola ausencia de contactos por parte dos convocantes do paro, en que dialogan "con todo o mundo". "Se queren un diálogo connosco, non hai ningún problema", afirmou.

Enmarcou ese diálogo nos grupos de traballo para o desenvolvemento de medidas para mellorar a Atención Primaria en Galicia. "Non podemos obrigar a participar nos grupos de traballo", sinalou, para engadir que "se alguén se quere incorporar, non hai ningún problema". Campa admitiu que "cando se abre un proceso de diálogo existen opinións distintas", polo que a través dos grupos de traballo tratan de alcanzar "obxectivos comúns". "Estamos abertos ao diálogo e á participación", sentenciou.

Fronte a iso, o portavoz da Asemblea de Áreas Sanitarias de Galicia, Alberto García, de Vigo, manifestou a Europa Press que "o día 4 (de decembro) presentan os grupos de traballo as súas conclusións". Por iso, os convocantes da folga cren que "ten pouca lóxica" sumarse agora a eles, polo que optan por ver "como o Sergas é capaz de encardinar esas conclusións do grupo de expertos". Por iso, concédenlle a primeira quincena do próximo mes para comprobar que chega ás consultas.

Como primeira medida, se non mellora a situación nos centros de saúde, Alberto García avanzou que na área de Vigo abandonarán a docencia de residentes de primeiro ano. "Necesitamos recursos humanos, médicos traballando connosco", reivindican, para sinalar o "aumento das prazas estruturais" para que os centros de saúde "poidan autoxestionar o seu centro cun mínimo de recursos" que, aseguran, agora "non teñen".

Ante estas críticas e despois de que os convocantes da folga asegurasen que nas consultas as únicas medidas que chegaron foi impresoras novas, o xerente do Sergas incidiu en que "verán ecógrafos, escáneres e moito equipamento electromagnético e mobiliario". Campa incidiu nas medidas implementadas en materia de recursos humanos, con novas prazas de profesionais sanitarios para 2019 e 2020 que irán "aos centros que as necesiten".

"Hai moitas medidas tomadas e outras no ámbito da xestión", subliñou para asegurar que "están a empezar a dar froitos". En concreto, destacou que se traballa en "implantar un sistema para a sobredemanda" que se produce coas urxencias nos centros de Primaria. "Está a definirse un modelo de atención desa sobredemanda", avanzou, xa que este nivel asistencial "ten unha atención continuada".

En relación ao seguimento desta segunda xornada de folga desta semana na Primaria en Galicia, os convocantes destacaron que "se mantén" a porcentaxe xa que "o que sobe nunha baixa noutras". Neste sentido, por parte da Asemblea de Áreas Sanitarias de Galicia destacaron a Europa Press o 88% de apoio en Vigo, "cinco puntos máis que onte (mércores)"; o 39% en Lugo, que sobe tamén, e o 62,5% en Ferrol, que cae lixeiramente. "A vontade do colectivo de médicos non cambia dunha xornada para outra", aseguraron.

Tamén o xerente do Sergas manifestou que os datos deste xoves "son similares a onte (mércores)" e subliñou que o respaldo a esta convocatoria de novembro supón "a metade" que a de xuño. Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, na quenda de mañá deste xoves foi secundada nos centros asistenciais de Primaria por un 15,1 por cento do total de persoal chamado á folga.

Por áreas sanitarias, apunta un 8,4% na área sanitaria da Coruña e Cee; un 18,1% na de Ferrol; 8,9% na de Santiago e Barbanza; o 5,2% na de Lugo, A Mariña e Monforte; 15,5% na de Ourense, Verín e Ou Barco; 22,6% en Pontevedra e O Salnés; e 32,5% na de Vigo. Fernández-Campa valorou que o grao de cumprimento dos servizos mínimos durante a xornada de folga é do 100%. "Os profesionais están a cumprir estritamente os mínimos, prestando servizo aos cidadáns", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/11/2019