CRTVG

Buscar

Os Fachós, unha tradición celebrada por primeira vez como Festa de Interese Turístico

Publicado o 20/01/2020 08:49

Unha das tradicións máis antigas de maior raigame popular en Galicia, a festa dos Fachós, celebrouse este ano por primeira vez como Festa de Interese Turístico. Máis de corenta metros mediu o fachón grande, e houbo máis de 500 fachós pequenos. Cifras cada vez máis avultadas, tamén de asistencia de público, nunha festa de exaltación da luz e da natureza que se celebra en Caldelas desde tempos inmemoriais. A data é a véspera de San Sebastián, a hora é a da luscofusco, e a norma é ir cos ollos ben abertos e con ánimo de divertirse.

Levou días prerarar este fachón enorme, que parte do adro da Igrexa dos Remedios. Corenta metros de ensamblado de palla testemuñan que queda arte no oficio de preparar eses fachós que acompañaban nos camiños escuros cando non había luz eléctrica e escaseaban os quinqués. Un dos instantes máis delicados é máis emocionantes é precisamente o momento de prendelo.

Gaiteiros e centos de persoas en procesión, e máis de 500 fachós de tamaño normal acompañaron o gran fachón ata o barrio do castelo. A festa é tan antiga que hai discrepancias sobre a orixe: algúns din que rememoran os anos da peste do século XVIII que obrigaron a facer un gran lume coa roupa dos apestados para purificar a vila. Outros aseguran que se tratan dun rito pagán, aínda máis antigo, para celebrar que medran os días e que nas casas hai abundancia de cereais e de carne de matanza. O San Sebastián de palla que levan dacabalo do fachón, da idea da adaptación ao calendario católico e hai quen asegura que os caldelaos sacan ese gran fachón para buscar o santo e liberalo do martirio.

Sexa como for, os fachós de Catro Caldelas conservan o facer da tradición, e o saber de facer festa e rematar, como é debido, con chourizos, viño da ribeira sacra, licor café e bica. E baile, claro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/01/2020