CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Os exportadores galegos, tranquilos ante a vitoria de Trump

Publicado o 10/11/2016 21:24

Os norteamericanos consumiron o ano pasado máis de 600 millóns de euros de produtos galegos. Os empresarios ven con incerteza a vitoria de Trump, sobre todo pola súa anunciada intención de privilexiar as empresas estadounidenses. Pero tamén confían en que a calidade do viño, da pedra ou das conservas galegas acabarán superando calquera traba.

Condes de Albarei vende nos Estados Unidos preto do 20% de todo o albariño que exporta. É, con diferenza, o principal mercado estranxeiro dunha denominación de orixe Rías Baixas que cada ano exporta ao país de Trump 4 millóns de litros. A chegada do magnate á Casa Branca non os asusta, porque saben que no seu non teñen competencia.

"Temos bastante confianza porque o produto xa se consolidou en lineais, tendas e restaurantes, e confiamos en que, se puxese algunha traba, que non creo, dubido que vaia repercutir negativamente para nós", di Xavier Zas, director xeral de Condes de Albarei.

Trump ameaza con denunciar os tratados comerciais dos Estados Unidos e introducir aranceis para privilexiar o produto norteamericano. Esa sería a mala nova para a industria agroalimentaria, o viño ou a pedra galega. Pero todo se pode compensar por unha política monetaria de taxas de xuro máis altas, ou o que é o mesmo, unha depreciación do dólar.

"Iso, a nivel dunha etapa en que a empresa galega está buscando mercados fóra do ámbito da Unión Europea e, en particular, nos Estados Unidos, vía prezos van ser máis competitivas, porque o cambio o favorece para as exportacións", explica o profesor Jorge González Gurriarán.

A exposición de Galicia ao mercado norteamericano é relativamente pequena. O ano pasado exportamos alí produtos por 613 millóns de euros, o 3% de todas as exportacións galegas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

10/11/2016