CRTVG

Buscar

Os expertos temen novos rebrotes se non se cumpren as medidas sanitarias

Publicado o 07/06/2020 15:49

O maior perigo agora, advirten os científicos e os expertos médicos, son os rebrotes descontrolados... por irresponsabilidades individuais co incumprimento das normas e por confiarnos en que xa non existe unha ameaza real... A chave do éxito, dinnos, está en rastrexar eficazmente os novos casos e detectalos en 24 horas. "Aplicamos o martelo e agora temos que aplicar o bisturí, detectar e illar rapidamente os contactos... e concienciar a poboación do uso da máscara", di Enrique Míguez, Xefe da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUAC

Insisten, por tanto, en que non hai que baixar a garda.
"Se non actuamos desta forma o índice de reprodución da enfermidade vai facer que non produza un brote, como pasou en Corea e a China, temos que ter moi claro que o virus non desapareceu"

Os estudos de seroprevalencia indican a baixa incidencia do virus: en España unha media do 5 % por cento, en Galicia pouco máis do 2%. "A nosa poboación é tan susceptible como o era no mes de febreiro ou abril, a situación é de risco, é como se non tiveramos contacto co virus a nivel xeral.

O xefe da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUAC lémbranos que este segue a ser aínda un virus, en moitos aspectos, descoñecido e pon en dúbida que se estea a debilitar tan rapidamente e que a súa carga vírica sexa xa moi inferior.
"Hai moitas cousas que non se saben, as publicacións científicas saen a tal velocidade que ás veces non teñen o rigor adecuado e que en tan pouco tempo sería unha novidade científica que un virus en tan pouco tempo se autoextinguise"

Noticias web

07/06/2020