CRTVG

Buscar

Os expertos piden prudencia nas celebracións do Nadal para evitar contaxios

Publicado o 26/11/2020 15:20

Independentemente das restricións que se levanten con vistas ás próximas festas, os expertos advirten de que hai que ser extremadamente prudentes.

Os especialistas temen que a relaxación das medidas nos leve a unha terceira onda da pandemia moito antes do previsto pola OMS, que a marcaba a partir do mes de xaneiro.

Falan os expertos que esa terceira onda podería adiantarse mesmo a antes de que remate este ano, antes tamén da chegada desas primeiras doses da vacina.

Por iso, piden prudencia e respecto escrupuloso ás medidas de seguridade. Insisten en que este Nadal as celebracións teñen que ser distintas.

Hai que tentar manter os grupos burbulla, ter moito coidado nos contactos cos maiores de 65 anos e limitar os movementos.

Así, a mensaxe para o Nadal deste ano é clara:

Juan Gestal, epidemiólogo, di que "o consello fundamental é que este Nadal ten que ser diferente".

"Hai que ser coidadosos porque o virus segue con nós", afirma Pedro Rascado, especialista en Medicina Intensiva no CHUS.

Para evitar riscos, a mellor recomendación é non relaxarse.

"Aínda que sexan os nosos pais ou irmáns, medidas coma se fosen alleos: distancia, máscara e ventilación", engade Juan Gestal.

"As miñas festas familiares, comidas ou ceas, van ser cos meus conviventes. Poderei visitar familiares, pero sempre con máscara, con distancia, non quero que este Nadal se traduza nun contaxio a un vulnerable", apunta Pedro Rascado.

Do que se trata é de protexer os que teñen máis risco, sobre todo os maiores.

"Temos un 25% de persoas maiores de 65 anos, limitemos os contactos coas persoas maiores, cos queridos maiores", explica María Sande, médica no CHUO.

Coidar os maiores, e ollo tamén cos nenos.

"É probable que os nenos sexan máis receptores de contaxio ca transmisores, pero hai que ter claro que calquera circunstancia en que esteamos reunidos, sobre todo en espazos pechados, persoas non conviventes e sen máscara, hai risco de contaxio", conta Pedro Rascado, especialista en Medicina Intensiva no CHUS.

O seu desexo de Nadal: evitar unha terceira vaga de contaxios.

Noticias web

26/11/2020