CRTVG

Buscar

O comité clínico decide este martes sobre a continuidade das restricións

Publicado o 03/11/2020 14:41

O comité clínico de expertos decidirá hoxe que facer cos peches perimetrais decretados, logo dunha semana con limitacións nas entradas e saídas das principais cidades (e Vimianzo) e nas reunións de non conviventes.

Se os datos son positivos, podería caber a posibilidade dunha flexibilización das medidas restritivas. Con todo, o escenario epidemiolóxico en que se moven os expertos non é sinxelo e as opcións de endurecer as restricións, ou mesmo o confinamento, seguen enriba da mesa.

Por segundo día Santiago logra conter os contaxios. A capital galega leva case dúas semanas cos contactos sociais limitados a persoas conviventes.

Unha situación que uns levan mellor ca outros. "Eu teño clase presencial prácticamente todos os días, entón ben. Pero é un pouco agobiante toda a situación, a verdade", di un mozo.

Como o resto das grandes cidades galegas, Santiago mantense pechada perimetralmente desde o venres. Unha das restricións que revisará esta tarde o comité clínico que asesora a Xunta. De mantelas, resignación: "para evitar as reunións sociais, que non se reúnan máis de cinco persoas", asumen na rúa.

Baixan os casos tamén en Ourense e Lugo, onde suben as hospitalizacións en Lugo, tres nun día. Á espera de coñecer o que decidan os expertos hai quen mira cara marzo: "Eu penso que, provablemente, moi cedo teremos outro confinamento", comenta unha veciño de Santiago.

E iso é o que se quere evitar. Casos activos, cifra de contaxios, presión hospitalaria... son indicadores que estarán sobre a mesa e servirán para tomar decisións no comité clínico que analizará esta tarde a evolución da pandemia.

Noticias web

03/11/2020