Os colexios médicos piden que se inxecte a segunda dose de AstraZeneca "cando toca"
Mentres España toma a decisión, a Organización Médica Colexial aconsella que os traballadores esenciais reciban a segunda dose de AstraZeneca. Ante o ruído que se xerou, insisten en que non só é unha vacina segura senón tamén eficaz, e unha vía rápida para volver canto antes á normalidade.
As autoridades sanitarias insisten na mensaxe sobre a vacina de AstraZeneca. Segundo a directora da Axencia Española do Medicamento María Jesús Lamas, a vacina é segura e ten un beneficio-risco favorable. Di ademais que o risco de contraer a covid−19 e de padecer as súas consecuencias é moito maior que calquera risco que supoña calquera das tres vacinas que se están usando.
Como calquera medicamento, pode estar máis indicada para uns grupos que para outros. "Igual que para unha artrose de cadeira un médico no dá o mesmo tratamento a unha persoa de 85 anos que a unha de 50, coas vacinas pasa o mesmo".
Con todo, aclara que a vacina non está contraindicada para ningún grupo, e que o debate se xera porque hai opcións para escoller. "Se só tivésemos a vacina de AstraZeneca, ninguén estaría preguntando a quen poñerlla, vacinariamos toda a poboación con esta fórmula", afirma Lamas.
É ademais unha vacina efectiva. Cunha soa dose inmuniza o 70 por cento da poboación vacinada. Coa pauta completa, son case o oitenta por cento dos vacinados os que quedan inmunizados. "Por cada cinco persoas que se infecten sen a vacina, vaise infectar só unha persoa que recibise a vacina de AstraZeneca", di Ernesto Estrada, investigador do Instituto de Matemáticas da Universidade de Zaragoza.
Os expertos insisten noutra mensaxe: a vacinación é a mellor vía para recuperar canto antes a normalidade.