CRTVG

Buscar

Os expertos din que as situacións extremas de seca e enchente se van repetir

Publicado o 13/01/2018 15:23

E chove no resto de Galicia, o que permite avanzar cara á normalidade dos caudais dos ríos e dos encoros, despois dos últimos meses. A Oficina técnica da Seca propuxo pasar á situación de prealerta en doce sistemas hidrográficos da conca Galicia Costa, pero no resto mantense a alerta.

Decembro foi un mes máis húmido do habitual e as predicións de xaneiro apuntan a que remataremos por enriba da media en canto a precipitacións, pero os galegos debemos afacernos ás secas e ás enchentes que, segundo advirten os expertos, se van repetir.

"Como consecuencia do cambio climático camiñamos a unha situación de extremos. Non se pode dicir que a tendencia e o promedio estean claros, pero si que está claro que os extremos cada vez van a máis. Extremos tanto de exceso como de falta de auga. Eu diría que os problemas de Galicia van vir por aí." Asegura Francisco Díaz-Fierros, estudoso da auga e do chan desde hai máis de 50 anos.

Desde a Administración recoméndase manter as medidas que fomentan o aforro da auga os 365 días do ano e non só ante a ameaza de restricións."Unha auga de calidade é unha auga que custa: en actividades de prevención, de non contaminar con cousas que facemos a diario. Pero hai que ir creando actitudes de que hai que ir aforrando, gastando menos e aceptando que os custos teñen que internalizarse." Advirte Díaz-Fierros.

Porque ademais dun dereito da humanidade, tal e como recolle o estudoso Francisco Díaz Fierros no seu último libro "Auga para todos", hai consumos de luxo que non poderían facerse ou que deben ser pagos. Igual que temos que saber que a auga contaminada esixe de moita máis auga para diluír as substancias tóxicas e volver facela potable.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/01/2018